O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que arranca a súa parte presencial a vindeira semana do martes 13 ao sábado 17, lanza o primeiro concurso de webseries online. Todo o público xa pode ver as cinco series que participan nesta primeira edición a través da web do festival e votar a súa favorita.

Desde a primeira edición o festival quixo visibilizar as webseries inclusivas galegas. Agora os organizadores cren que é o momento de convertela nunha sección competitiva e facela internacional. No ano 2016 o festival programou a presentación da webserie do director canario afincado en Galicia Veru Rodríguez, Mírame cuando te hablo en lingua de signos. Nas seguintes edicións presentáronse Generación Wifi da directora Julia Castro, webserie onde a protagonista está acompañada por personaxes con discapacidade que lle ensinarán a ver a realidade sen filtros. E Sorrisos transformadores de Noemí Chantada e Óscar Pardo, sobre a realidade dos nenos e nenas trans.

No concurso deste ano participan as webseries Enfermedades raras, Indetectables, Amor superdotado, #Sitcom e Hasta la vista!. Os directores das mesmas escolleron un capítulo que xa se pode ver online en: https://www.festivalcinevigo.es/webseries/

Despois de velas, todo aquel que o desexe pode escoller a súa favorita. O prazo para votar remata o venres 16 de outubro ás 23.55 horas.

X