Arranca a quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo. Un dos eixos deste festival é traer a nosa cidade pezas audiovisuais que nos axuden a reflexionar de forma amena sobre a inclusión.

Este ano, marcado pola crise da COVID-19 o festival quere homenaxear ao persoal sanitario e dos servizos sociais. Por ese motivo, o filme escollido para a inauguración é o documental De chaque instant do francés Nicholas Philibert. O pase terá lugar no Auditorio do Concello ás 20.30, nel o director galo achégase ao proceso de formación dun grupo de enfermeiras para coñecer os seus desexos e medos. A do francés será a única peza fóra de concurso de toda a programación do festival. Esta proxección faise en colaboración coa Alliance Française de Vigo e o Institut française.

A inauguración correu a cargo do cónsul francés en Vigo, Jean-Baptiste Chassin; o director do AGADIC, Jacobo Sutil; o deputado provincial, Héctor Santos; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Previamente, ás 17.00 horas, podemos ver Crip Camp: a disability revolution, un documental producido polos Obama e que forma parte do concurso de longos documentais do festival, VIG-IN-DOC. Esta peza conta a historia do campamento de verán para mozos con discapacidade organizado por hippies nas montañas de Catskills que foi o berce da loita pola igualdade dos dereitos civís.

O acceso a todas as proxeccións e gratuíto, pero deberá retirarse o convite na billeteira do auditorio que abrirá media hora antes da proxección de cada filme. Dada a actual situación sanitaria os aforos están limitados a un cuarto da capacidade e tomaranse todas as medidas precisas (redución de aforo, uso obrigatorio da máscara, puntos de desinfección a entrada e saída dos auditorios etc.) para crear un evento seguro.

X