O Festival de Cine Inclusivo de Vigo que se celebrará entre o 13 e o 17 de outubro debulla a súa programación de actividades paralelas ás proxeccións. Ao igual que o resto do festival, estas actividades pretenden crear conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo.

Manuel Burque, guionista e actor na serie Vida Perfecta creada por Leticia Dolera, será o encargado de guiar o webinar ‘Vida perfecta e como rachar moldes’ da sección Coñece! do festival, dirixida a escolas. A serie acadou dous premios en Canneseries no ano 2019, á mellor serie e á mellor interpretación feminina que recaeu nas tres protagonistas: a viguesa Celia Freijeiro, Aixa Villagrán e a propia Leticia Dolera.

O sábado 17 ás 12.00 da mañá e de forma telemática terá lugar a Charla con AGAG (Asociación Galega de Guionistas). Baixo o título ‘El último show e a representación da terceira idade na ficción’. A serie El último show foi premiada no prestixioso Festival de Televisión de Vitoria-Gasteiz, onde foi cualificada polo xurado como “moderna e estimulante”. Na charla intervirán profesionais do sector audiovisual ligados a esta serie como son: Alex Rodríguez (creador desta serie e director de La casa de papel); Miguel Ángel Tirado, máis coñecido como Marianico el corto (actor); Luisa Gavasa (actriz); Sara Alquézar e Enrique Lojo (guionistas).

O mesmo día pero ás 16.00 horas, terá lugar a única actividade presencial do festival, o café con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización). Os directores Noemí Chantada (‘La mujer invisible) e Alex Cancelo (‘Aysha) participarán no coloquio ‘A responsabilidade dos creadores coa realidade’.

X